SACHA NA HORTA (Galicia)

Sacha na horta nace no 2008, logo de gañar o concurso “A polo ghit” organizado por Radio Galega e Vieiros, no que se escolleu “Biocultivos” como canción galega do verán. O premio foi unha viaxe a La Habana para tocar na Feira do libro, unha experiencia ben simpática e estrafalaria que motivou a xuntanza dunhas cantas amigas para crear un repertorio e unha banda. A partir de aí foise definindo un estilo propio, que demos en chamar “agro-punkchanga”, no que as voces das mulleres atopan toda a forza, a urxencia e a liberdade para se expresar e falar do mundo que elas ven e tamén do que desexan. Isto cosido co fío da retranca e presentado sobre leito caramelizado da festa e carallada máis revolucionarias.

No 2010 sae o primeiro disco da banda Temos moito por sachar, con seis temas propios bo reflexo desa primeira época. O disco foi auto-producido e distribuído unicamente en formato dixital na rede e de forma gratuíta. Sacha na horta vive a partir de entón importantes cambios na súa formación e isto vaise traducindo tamén nun novo son, se ben o espírito e a actitude segue a manterse sempre.

As intencións da banda son as de tocar máis e mellor e por cada recuncho do país ou alén os mundos posibles. Para Sacha na Horta é unha forma de expresión, un traballo, unha familia e unha forma de activismo social. No 2014 sacan o seu segundo traballo HORTA REVOLUTION. Ese é o nome do espectáculo que teñen actualmente.

Sacha na Horta tocou en diferentes festivales pot toda Galicia: Festival de Pardiñas,Festival Poesia no Condado,Festival Millo Verde, Antrospinos, Foliada de Melide e muitos máis.